historias pequenas: VIII
botaba en falta saber que, inda véndoa só unha vez ó ano, a tiña a escasos quilómetros da súa casa. sempre que o precisara podía xogar a chamala e dicirlle que se atopaba fronte a súa ventá, e que facía frío, e que sería marabilloso que ela se arrimara espida tralas cortinas para quecelo un pouco, e contemplala dende dentro do coche, un pouco nada máis, para despois arrincar de volta á súa aburrida vida e sorrir.
pero ela mudárase hai tempo a outro lugar. deixara a casa dos pais para facer unha outra vida distinta. e el botábaa en falta, inda sen vela a penas, unha vez ó ano nada máis.
era noiteboa. el loitaba por facerse un oco na voráxine do tráfixo vigués. tiña que entregar os últimos presupostos do ano sen falta; levaba dous días de retraso. sempre odiara Vigo, e nunca entendeu que a ela esa cidade lle fascinara. díxollo aquela tarde que perdeu o último tren. apertáronse tan longo na despedida que cando ela se decatou o Costa Galicia xa saíra e non tiña en qué volver a Compostela. na carreira cara o coche botáronse a rir, e ela describía o marabilloso que resultaba camiñar polas rúas dos arrabaldes da cidade, acompañada por el.
veulle aquel recordo dela ó deixar o coche no aparcadoiro da estación. a voceciña dos altavoces anunciaba que o tren destino Santiago de Compostela realizaría a súa chegada en dez minutos. as luces do Nadal inundaban toda a cidade. decidiu que inda era cedo de máis para entregar os presupostos. dubidou un intre antes de sair do coche, e entrou na estación. sentou na mesma bancada na que ela o agardara a última vez. abotoou a chaqueta e amañou disimuladamente o cabelo a un lado. gardou as súas lentes dentro do peto. logo colleu o penúltimo LM da súa caxetiña, e decidiu que cando a rematara deixaría de fumar. prendeu o pito. fumouno impaciente case ata a cabicha para despois tiralo a un lado, sen apagalo. o fume do cigarro tiraba cara arriba e distinguíase moito naquel ambiente cargado de frío.
a voceciña dos altavoces anunciou que o tren de Santiago de Compostela estaba a piques de chegar. escoitouno ó lonxe. os seus nervos acrecentáronse conforme o son do motor do tren ía achegándose. o tren parou. xusto enfronte da súa bancada abriuse unha das portas. ela tiña que ser unha desas persoas. era día vintecatro de decembro, e seguro que regresaba para visitar á súa familia. comezou sair moita xente. os seus ollos miopes intentaban dar con ela. entón, atopouna. el cría que era ela, a mesma estatura, as mesmas fraccións, o mesmo pelo. ía vestida de negro e arrastraba unha maleta.
entón un rapaz achegouse de súpeto para pedirlle un cigarro. el non soubo dicir que non. buscou rapidamente dentro da súa caxetiña de LM e regaloulle o último pitillo. cando se decatou, neses escasos segundos a rapaza desaparecera. buscouna nervioso entre toda a xente, achegouse ós baños, á cafetería. pero xa non estaba. tal vez fora ela, ou non.
subiu ó coche, derrotado. da caseta dos tiquets do aparcadoiro saiu unha voceciña metálica que dicía "que pase vostede un bo nadal e un próspero aninovo". "a túa puta nai", respondeu el. acelerou o coche, ata que se veu enfrascado nun grande atasco en plena Gran Vía. xa non lle daba tempo de entregar presupostos nin nada. pensaba naquela rapaza arrastrando a maleta. quizais fora ela. imaxinou que o era e que se atopaban e ela choraba da emoción e o apertaba forte e entón bailaban xuntos unha música inventada no medio e medio de toda aquela xente.
un bucinazo espertouno do seu soño. púxose de peor humor. meteu a segunda marcha e buscou no paquete de cigarros o último pitillo. o cabrón aquel da estación deixárao sen tabaco. as luces de Nadal inundaban toda a cidade. decidiu que non era o mellor día para deixar de fumar.
18.1.06
Subscrever:
Enviar comentários (Atom)


6 fíos deitados:
e quizáis fose mellor así, non si?
e se a atopa e é ela, mais non é como a lembraba?
aínda así, eu querería ver se a aperta era a mesma... se el me miraba cos mesmos ollos...
eu tamén fun procurando...
(ui, non era a miña historia... :-)
... mmm austeriano pero ao revés. que levante a man o/a primeiro/a q non lle pasou algo así... :-)
eu levanto a man...
:-p
xa ves...
sigo acumulando...
:)
Mui bo.
Enviar um comentário