21.10.09



Talbot

penso nos calotipos de Talbot: o negativo remata sendo positivo ás veces.

20.10.09

deconstruíndo

das viaxes sen palabras escritas en postais quedan imaxes gravadas en cintas que acumulo nun recanto do escritorio. o proceso de montaxe é tamén o da deconstrucción. derruír, deformar para despois volver atopar unha mirada. ás veces coido que só sei falar das cousas que me pasan. faláronme de "Tarachime", de Naomi Kawase. non logrei ver o filme ate o final, porque doía e quizais inda non era o momento. e entón alguén envía unha mensaxe que di:"reláxate e acomódate ao teu tempo". con iso supoño que me estaban a dicir que todo chega sempre, se sabemos agardar.

29.9.09

diario de viaxe (II)

hai un mapa que suxire un camiño, e unha búxola que indica outro. o carro vai ficando con menos brillo no salpicadeiro tras cada novo día de sol. abro a ventá e deixo que corra o aire mentres procuro sintonizar a radio. nos límites da raia as emisoras galegas confúndense coas portuguesas.

conduzo como unha autómata mentres a miña cabeza reflexiona en completo silencio.

respiro.

pd:levo oito horas de proxecto gravadas. faltan dez días para que remate a viaxe. intento ordenar as ideas. entender. entederme.

27.9.09

diario de viaxe (I)

buscar unha mirada propia. desfacerme nas formas. pasar do sólido ao líquido. evaporarme despois. e volta a comezar. hai que esquecer para poder lembrar.

24.9.09

reencontrándo(me)

non anotar direccións nin teléfonos
nin mensaxes, non gardar obxectos
nin tickets, non gardar a roupa
que xa non me serve, non gardar
as palabras, nin as pegadas ó núcleo
abrir as fiestras
sacar as flores
deixar ver as marcas


do libro "facer Merzbau non ou posible?", dos irmáns Creus.